RAIN

lunes, 12 de julio de 2010

Viva España! España como símbolo polisémico. (Ideas sen fiar)

Recoñezo que estes días de Mundial tiven serios dilemas morais.
Cando gañou España a Alemania confeso que baixei a celebralo coas miñas amizades e coñecidos (un deles claramente españolista) sen sentirme excesivamente culpable, pero con certas dúbidas ou polo menos cuestionamentos morais sobre a victoria que estaba a festexar. É máis, eu fun unha das persoas que se subiu á fonte de Catro Camiños e contemplou dende o alto a recua de bandeiras roxigualdas que penduraban das fiestras e dos parabrisas dos coches.
Debo aclarar antes de seguir que eu sempre me considerei galega de corazón. Non milito en ningún partido e a verdade é que non teño verdadeiro compromiso social con Galiza. Non falo galego e tampouco teño boa competencia;na escrita. O meu galego é unha má traducción do discurso español que me nace (ou me “fixeron nacer”) da testa. Afirmarme, por tanto, como persoa comprometida sería, ademais de deshonesto, un insulto para os que si pensan todos os días no futuro da Galiza, así que non, estou ao marxe de calquer compromiso; é así.
Malia todo, síntome galega, non galega de España, como se declaran moitos dos meus coñecidos españolistas, senón galega de Galicia. Síntoo así e é algo que me abrocha do peito.
O caso é que naqueles intres sabadeños de desaforado sentimento futbolero e mentres a xente deixaba de pensar xa no fútbol e en España para comezar a pensar na santa patria cogorza que se ían coller, eu andaba concentrada cavilando por que non me sentía mal comigo mesma ao estar alí. O primeiro que se me pasou pola cabeza foi que o nacionalismo español (co cal convivo día a dia) se encargara de modelar esa celebración na miña mente coma un feito non marcado de nacionalismo español; é dicir, coma un feito anónimo dende o punto de vista ideolóxico que era só vinculable a un acto deportivo. Cando reparei nisto as miñas penras fraquearon e case caio no medio e medio da fonte do susto. “!Enganoume! !Enganáronme outra vez !”, pensei. Por fortuna nese intre unha bandeira bateu na miña fazula e espertei do pesadelo: “!Pero como van pretender que a celebración sexa anónima se está todo pragado de símbolos nacionais españois!...”. Non contenta coa miña primeira hipótese seguín cavilando. O sentimento de culpabilidade era cada vez maior e a miña vergoña ondeaba xa ao lado das roxigualdas. “Pensa, coño, pensa! Por que baixar á fonte non che pareceu no seu momento unha acción censurable?”... Logo escoitei a un fulano que dicía: “VILLA, VILLA, VILLA MARAVILLA”, á miña amiga asturiana que respondía “ESE ASTURIANOOOOOOOOO” e á miña voceciña interior que me collía os ouvidos e me gritaba aliviada: “!EUREKA!”. Nese momento din co “quid” da cuestión. Pensei que a bandeira española, como símbolo, podía ter máis dun significado convencional e que non necesariamente un deles tiña que ir unido, ou polo menos non directamente, ao nacionalismo español. Explícome: neste caso concreto, o do partido de fútbol, a bandeira non ten por que ser símbolo de España directamente, senón da selección... iso si, española. A cuestión é se deberíamos tomar á selección coma outro símbolo nacional, mais isto sería tomar a cada un dos xogadores da selección coma símbolos nacionais (posto que a selección está integrada principalmente por xogadores) cando en realidade moita xente os considera símbolos dunha especificidade rexional; isto é, símbolos dun pobo, dunha determinada provincia (como o caso da miña amiga ao dicir “ese asturianoooo” referido a David Villa). Os símbolos poden ser símbolos de outros símbolos, certo, mais os símbolos non teñen nunca pensamentos, emocións, sentimentos nin moito menos VONTADE de sentírense símbolos dun lugar ou de outro (non sabemos se Villa se sinte español ou asturiano). Ademais, se a bandeira é símbolo da selección, a selección é símbolo do fútbol, co cal detrás da bandeira española contextualizada na fonte de catro camiños e na man dun forofo do fútbol o día dun partido da selección habería un significado moi diferente (ou polo menos máis significados) que nos que hai detrás dunha bandeira dunha persoa que non se encontra na fonte ou en Maria Pita, que non leva a camiseta de ningún xogador e que a exhibe nun día no que non xoga a selección, por exemplo. Neste último caso a bandeira sería un símbolo directo do nacionalismo español, non mediado por aficións deportivas e reflexaría exclusivamente o sentimento nacionalista do “abanderado” (jeje). Sen embargo, a bandeira dun forofo da selección estaría representando en primeiro lugar á súa afiliación á selección e por tanto ao fútbol. En realidade, o significante “España” estaría vinculado inexorablemente nese contexto ao significado “equipo de fútbol” e por tanto aos intereses e sentimentos futbolísticos dos forofos da selección. De feito, atrévome a afirmar que moitas das persoas que estaban na fonte aquel día só gritarán “!VIVA ESPAÑA!” cando a selección xogue bem ou gañe outro mundial e non cando, por exemplo, haxa un desfile militar pola Coruña. É máis, os mesmos que gritaron “!VIVA ESPAÑA!” poden chegar a guitar “PUTA ESPAÑA” o día que vexan un desfile. Este último “ESPAÑA” non é futbolístico, non representa a un equipo de fútbol, representa unha nación, uns valores cos que, pode, non se sintan identificados os forofos do fútbol. Pensado isto, non tiven problema algún en coller coa puntiña dos dedos (aínda teño certo reparo, a verdade) a bandeira do meu amigo para axudarlle a despregala. Pode que para el a bandeira sexa duplo símbolo, ou un mesmo símbolo com duplo significado, mais para min só ten un: “furbo”.
... Habería máis puntos que tocar neste tema: se un símbolo é convencional é porque é creado segundo convencións sociais (obvio! xDxD), mais cando o contexto altera ou pode alterar o significado convencional dese símbolo (como ocorre no caso da bandeira nos partidos de fútbol) cabe preguntarse se tal símbolo segue a ser un símbolo ou é outra cousa (un signo?) ou se non é un só símbolo, senón dous . Unha das propiedades dos símbolos [creo recordar] é que non poden posuir máis dun vínculo convencional entre o seu significado e o referente; se isto é así a bandeira que se exhibe nos partidos e a que se exhibe en actos ou gabinetes oficiais do Estado non poden ser o mesmo símbolo, aínda que posúan un mesmo "significante". A cuestión é: ¿dous símbolos diferentes ou un significante con dous significados distintos? Non o sei. Paréceme completamente contradictorio falar de "España" coma un símbolo convencionalmente polisémico. Os símbolos efectivamente, poden significar cousas diferentes para cada un a pesar do seu carácter convencional. Todos eles teñen un compoñente emocional que é asumible polo ser humano de diferentes modos, segundo a experiencia e as ideas previas do fulano ou fulana en cuestión, mais cando a súa polisemia é convencional, é dicir, cando lle é propia coma unha característica acordada, normalizada e reconocible por todos os membros que comparten ese símbolo (España como nación e e España como equipo) a cousa évos moito máis complexa. Creo que terei que consultar de novo o que é un símbolo, un índicie, un icono, un signo e ver máis de cerca as súas propiedades para poder explicar mellor o que creo que está aí pero aínda non sei explicar como deus manda. Porque é así, detrás dunha bandeira existen referentes distintos.
Hala, marcho. Por hoxe xa abondou de desbarre!

No hay comentarios:

Publicar un comentario