Eu non sei qué é o individualismo nin o socialismo, mais se me deran a escoller escollería un individualismo que tomase como fonte dos seus principios ó “Home” bo e honesto; é dicir, ó “Home” social que, por natureza, contén na súa individualidade a tódolos seus conxéneres.
O auténtico individuo non é o que “é” para si mesmo, senón o que se “ten” a si mesmo e aos demáis. O outro, o individuo que chaman “individualista” nin sequera existe. Non sei a qué monstruo da natureza se lle puido ocorrer a ficción dunha persoa que só se ten a ela mesma, que só “é” para si; seguro que ese monstruo autodenominouse a si mesmo “persoa social”: por pretender diferenciarse dun outro construiuse un contrincante. O ser social síntese solo.
O “Home” bo, ese que deixou de ser xa individualista dende o seu nacemento, non é empático, non cae no egoísmo de recoñecerse nun outro (¿o máximo que pode ofrecer unha persoa a outra é só un recoñecemento da súa personalidade?), nin quere ser avariciosamente un “outro” (como acostumamos a facer); simplemente “é” o outro; e por non pretender ser alguén que non é, senón por selo, permítelle ó outro, sen severidade algunha, ser da mesma maneira que se deixa ser a si mesmo. Despóis de todo, el é el.
O “Home” bo, o individualista social, xa non ten a capacidade de comprender a dor ou a felicidade dos demáis; tal entendemento primitivo non lle fai falla. A comprensión é sinal de involución: o mundo non está para entendelo, senón para sentilo tal e como é, e se temos que comprendelo é porque as cousas, as persoas xa non forman parte de nós, senón que son obxectos estraños que desmembramos coa nosa análise, intentando darlle un sentido cando xa todo o tiña; a consecuencia é a desorde humana da orde natural das cousas e o desastre último é a desconexión con nós mesmos e coa natureza.
Non, ó individualista social simplemente deixa que o sentimento brote mesmo das súas entrañas e deixa sentir o Universo enteiro no seu peito sen apenas dicir nada: o “Home” bo tampouco confesa de palabra o seu amor polas cousas nin polas persoas; xa se sabe querido. Ó “Home” bo non necesita da palabra. O “Home” bo non precisa nada, xa o ten todo dentro de si.
…O “individualismo” non existe, é só socialismo pesimista e neurótico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario